A Subdirección de Investigación da Comisión Galega da Competencia, integrada no Instituto Galego de Consumo e da Competencia incoou expediente sancionador contra as empresas MURALLA BUS S.L., AUTOCARES DARRIBA, S.L. e AUTOS MORÁN S.L., pola presunta realización de prácticas prohibidas pola Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia (LDC), en relación ao procedemento para a licitación pública dos lotes 9 e 11 no expediente de contratación pública do servicio de realización das rutas de transporte escolar a varios centros de ensinanza pública das provincias de A Coruña, Lugo e Ourense para o curso escolar 2018/2019 (Expediente 1A/2018/TE, da, por aquel entón, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta de Galicia).
O presente expediente ten a súa orixe na comunicación remitida poloTribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) da súa Resolución nº 12/2019, do 16 de xaneiro de 2019 e a denuncia presentada por MINERVA E HIJOS, S.A. e AUTOS LOZANO, S.L.
A incoación do presente expediente non prexulga o resultado final da investigación. Ábrese agora un período máximo de 18 meses para a instrución do expediente e para a súa resolución pola Comisión Galega da Competencia.