Nas economías de mercado, a actividade empresarial é un xogo competitivo. Que este xogo se desenvolva libre e lealmente resulta esencial para que o sistema de mercado contribúa ao benestar dos consumidores e á eficiencia xeral da economía.

A competencia libre e leal contribúe a reducir os prezos e amplía as posibilidades de elección dos consumidores.

Non obstante, en ocasións, algúns axentes económicos poden estar tentados a evitar a competencia, por exemplo, concertando os prezos. Tamén, nalgúns casos, as empresas poden abusar da súa posición de dominio no mercado para, por exemplo, expulsar competidores ou dificultar a entrada doutros novos. En tales casos, prexudícanse os intereses dos consumidores e a eficacia xeral da economía.

A defensa da competencia

As condutas das empresas que vulneran a competencia libre e leal deben ser eliminadas, dados os seus efectos negativos sobre o benestar dos consumidores e sobre a eficiencia económica. A tal fin, as autoridades europeas comprometéronse na defensa da competencia, creando organismos responsables do logro dese obxectivo.

Os organismos responsables da defensa da competencia teñen como fin primordial amparar e promover a competencia entre as empresas no seu ámbito territorial. Para iso poden esixir información aos operadores económicos e, no seu caso, proceder a inspeccións nas súas instalacións. Se proban a existencia de prácticas ilegais, poden adoptar medidas para evitar a súa realización; ademais, poden impoñer multas ás empresas que participan en acordos ilícitos, que abusan da súa posición de dominio ou que incorren en comportamentos de competencia desleal que impliquen un grave prexuízo para a sociedade.