Ademais do benestar dos consumidores, a libre competencia, sen máis restricións que as necesarias, axuda a mellorar a produtividade das empresas, o cal en última instancia favorece o crecemento económico. Ese efecto positivo sobre o crecemento económico reforza a necesidade de establecer mecanismos que estimulen e protexan a libre competencia co obxectivo de incrementar o benestar xeral e, no noso caso, contribuír a un maior crecemento da economía galega.

A Lei 15/2007, do 3 de xullo, de Defensa da Competencia (LDC), instrumento legal básico que protexe a competencia en España, que entrou en vigor o 1 de setembro de 2007, substituíndo á Lei 16/1989, do 17 de xullo, tamén titulada de Defensa de la Competencia.

A nova LDC, no primeiro parágrafo do seu Preámbulo, afirma:

"O artigo 38 da Constitución recoñece a liberdade de empresa no marco dunha economía de mercado e a garantía e protección desta polos poderes públicos, de acordo coas esixencias da economía en xeral e, no seu caso, da planificación. A existencia dunha competencia efectiva entre as empresas constitúe un dos elementos definitorios da economía de mercado, disciplina a actuación das empresas e reasigna os recursos produtivos en favor dos operadores ou as técnicas máis eficientes. Esta eficiencia produtiva trasládase ao consumidor na forma de menores prezos ou dun aumento da cantidade ofrecida dos produtos, da súa variedade e calidade, co conseguinte incremento do benestar do conxunto da sociedade".

Esta exposición supón unha declaración clara sobre o papel central que debe xogar a competencia e, con iso, a defensa da competencia, na nosa sociedade.

Dende unha perspectiva económica, o dereito da competencia xorde como unha resposta ex-post desenvolvida para sancionar o comportamento dalgúns axentes económicos que, movidos polo afán de lucro, realizan condutas contrarias á competencia, distorsionando deste modo o papel do mercado na asignación dos recursos escasos.

O deterioro da competencia como consecuencia da realización de acordos colusorios, prácticas de abuso de posición dominante ou condutas de competencia desleal terá claros efectos negativos sobre a economía. O nivel de produción será inferior ao adecuado para satisfacer as demandas dos consumidores, os prezos aumentarán artificialmente, e haberá menos innovación de produtos e de procesos produtivos. Pola contra, unha maior competencia permitirá alcanzar un maior benestar dos consumidores, unha mellora da relación calidade-prezo e un saneamento dos mercados ao favorecer a substitución das empresas ineficientes.

A nova LDC incorpora como unha das súas novidades máis significativas a supresión das autorizacións singulares, desaparecidas xa no marco da de la Unión Europea dende a aprobación do Regulamento (CE) n° 1/2003 do Consello, do 16 de decembro de 2002, relativo á aplicación das normas sobre competencia previstas nos artigos 81 e 82 do Tratado CE. A partir de a entrada en vigor da Lei 15/2007, as propias empresas deberán avaliar se os seus acordos son contrarios, ou non, á normativa de competencia (sistema de excepción legal).