A Subdirección de Investigación da Comisión Galega da Competencia, integrada no Instituto Galego de Consumo e da Competencia incoou expediente sancionador contra Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), pola presunta realización de prácticas prohibidas pola Lei 15/2007, de 3 de xullo, de defensa da competencia. A práctica cuestionada desde a perspectiva da competencia é a de manter a disposición dos colexiados un baremo de honorarios.

O presente expediente ten a súa orixe na denuncia presentada na Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC) pola empresa Construcciones Cesanvi, S.L, por presuntas prácticas prohibidas pola lexislación de competencia, consistentes na aprobación e publicación dun “baremo de mínimos do Colexio de Arquitectos de Galicia”, que foi remitida pola CNMC á Comisión Galega da Competencia.

A incoación do presente expediente non prexulga o resultado final da investigación. Ábrese agora un período máximo de 18 meses para a instrución do expediente e para a súa resolución pola Comisión Galega da Competencia.