O CGC incoou expediente sancionador contra Interface Online, S.L. e Século XXI Consultores de Formación, S.L., por condutas que poderían supoñer unha infracción da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de Defensa da Competencia (LDC). Ábrese agora un prazo máximo de 18 meses para a súa instrución e resolución.

A Subdirección Xeral de Investigación da Comisión Galega da Competencia (SUBDIC), tras a realización da información reservada IR 14 2021, iniciada como consecuencia  da  remisión a esta CGC por parte do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGal), da súa Resolución número 166/2021, do 27 de agosto de 2021, .en relación ao expediente para a contratación dun servizo organizado e impartición de accións formativas do Servizo Municipal de Emprego e Empresas, expediente: 526/2020/61 do Concello da Coruña e tras verificarse o preceptivo procedemento de asignación previsto na Lei 1/2002, do 21 de febreiro , de coordinación de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas en materia de Defensa da Competencia, resolveu incoar expediente sancionador contra as citadas empresas por apreciar indicios razoables dunha posible conduta prohibida pola Lei 15/2007, do 3 de xullo , de Defensa da Competencia, en relación co referido expediente de licitación pública.

A incoación dun expediente sancionador non prexulga o resultado final da investigación. Ábrese agora un prazo máximo de 18 meses para a instrución do expediente e a súa resolución polo Pleno da Comisión Galega da Competencia.

 

A Comisión Galega da Competencia

 

A Comisión Galega da Competencia está, de conformidade co artigo 39 do 14/2013, do 26 de decembro , de racionalización do sector público e co artigo 26 do Decreto 118/2016, do 4 de agosto , polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e apróbanse os seus estatutos., o órgano colexiado independente, adscrito ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), que se encarga da aplicación na comunidade autónoma de Galicia da Lei 15/2007, do 3 de xullo , de Defensa da Competencia, segundo os criterios establecidos pola Lei 1/2002, do 21 de febreiro , de coordinación das competencias do Estado e das Comunidades Autónomas en materia de Defensa da Competencia. A súa finalidade é promover, garantir e mellorar as condicións de libre competencia e transparencia no comprado, respecto das actividades económicas que se exerzan no ámbito territorial de Galicia.