A Comisión Galega da Competencia incoa expediente sancionador ás empresas que participaron nunha licitación de contratación, mediante procedemento negociado sen publicidade, para adquisición dun equipo para a realización de unións finger-joint para madeira estrutural e equipos auxiliares con destino ao Laboratorio da Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (PEMADE). Expediente 2019/CSUA1/000010 da Universidade de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021.
- O CGC incoou expediente sancionador contra ELÍAS JADRAQUE, SA. e MONTEVERDE EQUIPAMIENTOS, S.L. por condutas que poderían supoñer unha infracción da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de Defensa da Competencia (LDC). Ábrese agora un prazo máximo de 18 meses para a súa instrución e resolución.
A Subdirección Xeral de Investigación da Comisión Galega da Competencia (SUBDIC), tras a realización da información confidencial IR 2/2020, incoada en virtude da denuncia presentada pola mesa de contratación encargada de resolver a licitación de rehabilitación da Oficina Central de Emprego de Lugo, resolveu incoar expediente sancionador contra as citadas empresas por apreciar a existencia de indicios razoables dunha posible conduta prohibida pola Lei 15/2007, do 3 de xullo, de Defensa da Competencia.
A incoación dun expediente sancionador non prexulga o resultado final da investigación. Ábrese agora un prazo máximo de 18 meses para a instrución do expediente e a súa resolución polo Pleno da Comisión Galega da Competencia.
A Comisión Galega da Competencia
A Comisión Galega da Competencia está, de conformidade co artigo 39 do 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público e co artigo 26 do Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos., o órgano colexiado independente, adscrito ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), que se encarga da aplicación na comunidade autónoma de Galicia da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de Defensa da Competencia, segundo os criterios establecidos pola Lei 1/2002, do 21 de febreiro, de coordinación das competencias do Estado e das Comunidades Autónomas en materia de Defensa da Competencia. A súa finalidade é promover, garantir e mellorar as condicións de libre competencia e transparencia no mercado, respecto das actividades económicas que se exerzan no eido territorial de Galicia.