A CGC incoou expediente sancionador contra varias navieras pola presunta realización de prácticas anticompetitivas prohibidas consistentes nafixación de prezos dos billetes desde o porto de Vigo ata as illas Cíes dos viaxeiros adultos en tempada alta.

A Subdirección Xeral de Investigación da Comisión Galega da Competencia (CGC) incoou expediente sancionador contra as empresas Mar de Ons SL, Naviera Illa de Ons SL (Nabia), Naviera Rías Galegas, S.L. e Cruceiros Rías Baixas, S.L. pola presunta realización de prácticas anticompetitivas das prohibidas pola Lei 15/2007, do 3 de xullo, consistentes na realización dunha practica conscientemente paralela na fixación de prezos dos billetes de adultos en tempada alta nas viaxes desde o porto de Vigo ata as illas Cíes.

O presente expediente ten a súa orixe nunha denuncia presentada por un particular contra as empresas que prestan ese servizo por unha posible infracción da normativa de competencia.

A incoación do presente expediente non prexulga o resultado final da investigación. Ábrese agora un período máximo de 18 meses para a instrución do expediente e para a súa resolución polo CGC.

A Comisión Galega da Competencia

A Comisión Galega da Competencia é o órgano colexiado independente, adscrito ao Instituto Gallego do Consumo e da Competencia (IGCC), que está encargada, de acordo coa norma reguladora do propio IGCC, dos seus estatutos e demais normativa, da aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, segundo os criterios establecidos pola Lei 1/2002, de coordinación de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas en materia de defensa da competencia. Ten como finalidade promover, garantir e mellorar as condicións de libre competencia e transparencia no mercado, respecto das actividades económicas que se exerzan no ámbito territorial de Galicia.

A investigación dos cárteles constitúe unha das prioridades de actuación da Comisión Galega da Competencia dada a especial gravidade das súas consecuencias sobre os consumidores e o correcto funcionamento dos mercados. Para iso cóntase, entre outros, co “Programa de Clemencia” que permite ás empresas que forman parte dun cártel beneficiarse da exención do pagamento da multa, a condición de que acheguen elementos de proba que posibiliten a súa detección ou dunha redución do importe da multa que puidese impoñérselle, no caso de que achegue información con valor engadido significativo, en relación cunha investigación xa iniciada a estas empresas acollidas ao “Programa de Clemencia” non lles sería de aplicación a prohibición de contratar coas Administracións Públicas, como se establece no artigo 72.5 da Lei 9/2017, de Contratos do Sector Público, se resultasen finalmente sancionadas.