A Comisión Galega da Competencia incoa expediente sancionador ás empresas que participaron nunha licitación do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2022.

- O CGC incoou expediente sancionador contra ACINSER INTEGRAL, SL; AVAN INTEGRAL, SL; CIVIS GLOBAL, SL;LIGHTVIPROM, SL;UNION VANTAXE, SL; GEVORA CONSTRUCCIONES, SA e OBRASCON HUARTE LAIN, SA por condutas que poderían supoñer unha infracción da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de Defensa da Competencia (LDC). Ábrese agora un prazo máximo de 18 meses para a súa instrución e resolución.

A Subdirección Xeral de Investigación da Comisión Galega da Competencia (SUBDIC), tras a realización da información confidencial IR 14/2018, incoada en virtude da denuncia presentada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo ante a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), e verificado o preceptivo procedemento de asignación previsto na Lei 1/2002, do 21 de febreiro, de coordinación de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas en materia de Defensa da Competencia, resolveu incoar expediente sancionador contra as citadas empresas por apreciar a existencia de indicios razoables dunha posible conduta prohibida pola Lei 15/2007, do 3 de xullo, de Defensa da Competencia, en relación co expediente de licitación pública do Consorcio da Zona Franca de Vigo: OBR/1710014 para realizar “OBRAS DE URBANIZACIÓN DA ÁREA DE LOGÍSTICA EMPRESARIAL (LE) DA PLISAN (PRIMEIRA FASE DE EXECUCIÓN)”.

A incoación dun expediente sancionador non prexulga o resultado final da investigación. Ábrese agora un prazo máximo de 18 meses para a instrución do expediente e a súa resolución polo Pleno da Comisión Galega da Competencia.

A Comisión Galega da Competencia

A Comisión Galega da Competencia está, de conformidade co artigo 39 do 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público e co artigo 26 do Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos., o órgano colexiado independente, adscrito ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), que se encarga da aplicación na comunidade autónoma de Galicia da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de Defensa da Competencia, segundo os criterios establecidos pola Lei 1/2002, do 21 de febreiro, de coordinación das competencias do Estado e das Comunidades Autónomas en materia de Defensa da Competencia. A súa finalidade é promover, garantir e mellorar as condicións de libre competencia e transparencia no mercado, respecto das actividades económicas que se exerzan no  ámbito territorial de Galicia.